top of page

BASES SECCIÓN COMPETITIVA 2025

QUE É NOVO ENFOQUE?

Novo Enfoque é un festival de cine independente creado por Flowerfilled en colaboración con alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, orientado a outorgar un espazo para a proxección das obras de cineastas e creadores noveis galegos.

QUEN PODE ENVIAR OBRAS AUDIOVISUAIS AO FESTIVAL?

Este é un festival dedicado aos traballos de estudantes maiores de 18 e menores de 30 anos matriculados en calquera centro de estudos superiores en Galicia. No caso de exalumnos, estes deberán ter finalizado os seus estudos o ano anterior á realización do evento (é dicir, haberse graduado en 2024).

​A inscrición de proxectos para as seccións competitivas estará aberta dende o día 06 de outubro ata o 06 de novembro de 2025 ás 23:59 horas.

Ademais, Novo Enfoque ten a misión de compartir outros proxectos creados por novos cineastas galegos, que xa non son estudantes e están a buscar o seu oco na industria audiovisual. Se produciches unha curtametraxe de forma independente ou a través dunha pequena produtora, cooperativa ou colectivo, e interesaríache proxectar a túa peza na marxe do festival, de forma non competitiva; podes contactar co equipo de programación do festival a través da dirección de correo electrónico: festivalnovoenfoque@gmail.com.

O festival terá lugar os días 3, 4 e 5 de decembro na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña en horario de mañá e tarde (consultar o calendario de programación).

 

SECCIÓNS COMPETITIVAS

A segunda edición do festival estará dividida en 4 seccións competitivas, xunto a proxeccións e mostras non competitivas. O equipo organizador do festival resérvase o dereito de disolver calquera das seccións no caso de non existir un número mínimo de proxectos presentados. Todos os proxectos deben estar terminados.

  • RAIOLA (Ficción de imaxe real): Poderá seleccionarse calquera proxecto independentemente do seu xénero, achegamento e narrativa. O único requisito é estar rodado integramente ou na súa maioría en imaxe real, de calquera tipo, estilo ou definición, en formato dixital ou analóxico e que a historia trate temas ou sucesos ficticios. Deben tratarse de imaxes orixinalmente en movemento.

 

  • MIGALLA (Ficción de animación): Poderá seleccionarse calquera proxecto independentemente do seu xénero, achegamento e narrativa. O único requisito é estar creado mediante calquera proceso de animación: ilustración tradicional, rotoscopia, animación dixital 2D, animación dixital 3D, stop motion, motion graphics… 

 

  • FOUCE (Documental): Seleccionaranse para esta categoría proxectos baseados ou que describen historia reais, independentemente do seu xénero, achegamento, proceso narrativo e técnica. Con espírito documental.

 

  • BRÍO (Videoclip): Seleccionaranse aqueles proxectos definidos polo autor ou autores como videoclip e nos cales a imaxe sirva de apoio á música creada polo propio autor, autores ou compositor/é para o proxecto ou por un artista musical. O autor debe ter o permiso explícito do compositor/é da música para a distribución da peza. NON SE ADMITIRÁN VIDEOCLIPS-FAN SE NON SE OUTORGA UN PERMISO POR ESCRITO DO COMPOSITOR/ES DA PEZA DA MÚSICA ORIXINAL.

 

De entre os proxectos seleccionados para cada sección o xurado profesional encargarase de seleccionar un “gañador do xurado”, ao cal se lle outorgará un trofeo físico e orixinal creado para a sección. O xurado e a organización do evento resérvanse o dereito de facer entrega ademais de mencións de honra a diferentes proxectos de cada categoría a elección do xurado. As pezas seleccionadas en cada sección serán proxectadas os días do evento.

 

PREMIOS

  • PREMIO Á MELLOR FICCIÓN DE IMAXE REAL: Gañador determinado polo xurado entre os proxectos seleccionados para á sección Raiola. Trofeo físico.

  • PREMIO Á MELLOR FICCIÓN DE ANIMACIÓN: Gañador determinado polo xurado entre os proxectos seleccionados para a sección Migalla. Trofeo físico.

  • PREMIO AO MELLOR DOCUMENTAL: Gañador determinado polo xurado entre os proxectos seleccionados para a sección Fouce. Trofeo físico.

  • PREMIO AO MELLOR VIDEOCLIP: Gañador determinado polo xurado entre os proxectos seleccionados para a sección Brío. Trofeo físico.

  • PREMIO DO PÚBLICO: Gañador determinado polo público mediante un proceso de votación ao final de cada proxección. Todos os proxectos seleccionados para o festival participarán na selección para o premio do público. Trofeo físico.

 

O xurado poderá outorgar mencións de honra a diferentes proxectos en diferentes categorías se así o determina. Serán premiadas cun diploma conmemorativo.

A entrega de premios realizarase de forma presencial o día 5 de decembro aos gañadores do premio ou a un representante. No caso de que non puidese asistir o autor ou autores á recollida dos premios ou un representante, o festival poñerase en contacto cos interesados para xestionar unha posible entrega mediante correo postal correndo os gastos de xestión e envío a cargo do interesado. No caso de que a entrega non sexa posible nos tres meses seguintes á data do evento o equipo organizador descartará a entrega do premio.​

 

ASPECTOS DETERMINANTES PARA A SELECCIÓN

1. Os proxectos deberán ter unha duración mínima de 1 minuto e máxima de 30 minutos incluíndo créditos. Non se aceptarán proxectos que excedan a marca dos 30 minutos incluíndo créditos.

2. Só se aceptarán obras producidas e finalizadas entre os anos 2024 e 2025.

3. Os proxectos serán orixinais. Non se permiten adaptacións ou copias doutros proxectos. De calquera temática, xénero e idioma. No caso de obras cuxo idioma orixinal sexa diferente ao castelán ou galego, deberanse prover subtítulos nalgunha destas linguas para a súa proxección.

4. Cada autor poderá enviar para a súa selección un total de 3 obras, cada unha coa súa propia inscrición. Non serán seleccionadas obras seleccionadas en anteriores edicións do festival.

5. Os proxectos deberán ser creados tanto nun contexto educativo para a aula, xa sexa como traballo de clase, traballo final de ciclo, grao, máster ou similares; ou como proxecto independente da formación do autor ou autores, sempre que fosen creados baixo a situación de estudantes.

6. O autor ou autores deberán ser maiores de 18 anos e menores de 30. Deberán estar matriculados en calquera centro de estudos superiores en Galicia. Tamén se admitirán traballos realizados por exalumnos dos mesmos centros a condición de que os proxectos fosen creados baixo a situación de estudantes. No caso de exalumnos, estes deberán finalizar os seus estudos o ano anterior á realización do evento (é dicir, haberse graduado en 2024). Será obrigatorio anexar unha proba de matrícula no centro de estudos.

7. Non se aceptarán obras que promovan o racismo, sexismo, xenofobia, homofobia, transfobia, discriminación cara a algún colectivo social, violencia contra a muller, abusos infantís ou calquera outro tipo de práctica en contra dos dereitos humanos fundamentais. A organización do evento resérvase o dereito de non aceptar obras que incumpran algún outro requisito non estipulado anteriormente.

8. Non se aceptarán obras realizadas parcial ou totalmente co uso de Intelixencia Artificial Xenerativa, en ningún dos aspectos ou procesos de creación da obra (guion, rodaxe, postproducción, cartelería…). Non se promoverá o uso dos proxectos participantes para adestrar ferramentas deste tipo. A organización poderá descualificar ou eliminar da programación proxectos que se determinen que usaron ferramentas de Intelixencia Artificial Xenerativa.

9. Para a selección valoraranse aspectos como: o uso da linguaxe audiovisual, habilidade narrativa, mensaxe, orixinalidade e valor social da obra, así como os aspectos técnicos e artísticos empregados e a súa eficacia en transmitir os valores e mensaxes da obra.

 

INSTRUCIÓNS DE INSCRICIÓN

A inscrición das obras para o festival realizarase a través do formulario de inscrición oficial do festival. Calquera proxecto enviado ao equipo seleccionador mediante outro medio será non será seleccionado. O formulario permanecerá aberto desde o día 06 de outubro ata o 06 de novembro de 2025 ás 23:59 horas.

 

Requirirase a seguinte información:

  • Un dossier da obra onde se indique:

    • Título orixinal da obra

    • Ano de produción da obra

    • Xénero da obra

    • Idioma orixinal da obra

    • Duración total da obra incluíndo créditos

    • Breve sinopse da obra (entre 25 e 200 palabras)

    • Breve texto explicando o contexto baixo o cal se creou o proxecto (para clase, proxecto final de ciclo, grao, máster, para fora do aula… Entre 20 e 100 palabras)

    • Créditos (de habelos):

      • Dirección

      • Guión

      • Produción

      • Dirección de fotografía

      • Deseño de produción e/o dirección de arte

      • Montaxe

      • Deseño sonoro

      • Compositor da Banda Sonora

      • Reparto con personaxes e intérpretes

    • Mediante o uso de Google Drive, OneDrive ou Mega, unha ligazón a un cartafol compartido con:

      • Arquivo de visualización da obra coas características:

        • Resolución: mínima 720p máxima 1080p

        • Formato: .mp4 ou .mov

        • Códec: H.264 ou H.265

      • Subtítulos en formato .srt (en castelán ou galego, se a obra orixinal non está en ningunha das dúas linguas)

      • Polo menos 3 fotogramas do proxecto

      • Póster promocional do proxecto (en caso de habelo)

      • Polo menos 2 clips do proxecto coas características:

        • Duración: 15 a 20  segundos

        • Resolución: mínima 720p máxima 1080p

        • Formato: .mp4 ou .mov

        • Códec: H.264 ou H.265

        • Con son (de habelo)

  • Documentación que acredite a matrícula do autor ou autores nun centro de estudos superiores en Galicia igual ou posterior a 2020. A información indispensable pode ser ocultada á hora de facer o envío da documentación, DNI e números de teléfono poden ser censurados.

 

Con cada selección o equipo organizador do evento poñerase en contacto co autor ou autores da obra para asegurar a conformidade da selección e categorías asignadas, así como para solicitar, no caso de que sexa necesario, outros materiais de promoción.

 

O acceso do autor ou autores ao evento os días das proxeccións e gala de entrega de premios é gratuíto e recomendado, aínda que non obrigatorio para a selección.​​​

bottom of page